ves esta página sin formato por que esta hecha cumpliendo el estándar web CSS 2.
tú navegador no soporta este estándar, o tienes dicho soporte desactivado.
si estas en el primer caso, actualízate. merece mucho la pena.

Quotidianum

As cousas do día a día,
dende a trastenda arqueolóxica persoal de
José María Bello

Arquivos

<Junio 2018
Lu Ma Mi Ju Vi Sa Do
        1 2 3
4 5 6 7 8 9 10
11 12 13 14 15 16 17
18 19 20 21 22 23 24
25 26 27 28 29 30  
             

************************* Segui @XoseMariaBello ************************* Free counter and web stats *************************


Blogalia

Blogalia


©2002 elpater

Inicio > Historias > ¿Cando se construíu a Torre de Hércules? 1

¿Cando se construíu a Torre de Hércules? 1

2008-08-09 14:58:11+02

¿Cando se construíu a Torre
de Hércules?


Lese por todas partes que a Torre de Hércules é obra do emperador Traiano. Non só en libros eruditos. Mesmo nos periódicos, tan atentos nestes últimos tempos a todo o que se refire a títulos e irmanamentos, sempre se empeza co de “faro romano construído en tempos do emperador Traiano”.

Non sempre se atribuíu a construcción da Torre a Traiano. Como era de esperar nun monumento antigo de tal envergadura, as lendas tomárono como obxecto e fraguaron, en lugares e tempos diferentes, a xesta de Hércules e a súa loita con Gerión por unha banda, e o relato de Breogán con posterior invasión de Irlanda pola outra. No campo da Historia dende o principio permaneceu viva a constancia da orixe romana do monumento, pero os protagonistas foron variando co tempo: na Idade Media foi Xulio César o presunto constructor, mentres na Idade Moderna preferiuse a Octavio Augusto.

Cornide e Traiano

A aparición de Traiano como constructor da Torre débese a Cornide, e o prestixio, a rigorosidade e o bo oficio do autor fixeron que se convertese durante o século XIX en verdade admitida. No seu ben coñecido estudo “Investigaciones sobre la fundación y fábirica de la Torre llamada de Hércules, situada a la entrada del puerto de La Coruña”, de 1792 (pódese ler en internet, en transcripción feita por Javier López Vallo, en http://www.estudioshistoricos.com/articulo/jlv/jlv_08.htm), Cornide ofrece de xeito condensado os argumentos que o levan a propoñer a construcción da Torre por Traiano, tras renunciar, como corresponde ao seu pensamento ilustrado, ás explicacións lexendarias ás que xa fixemos referencia:

Dexando aparte, pues, quanto de este monumento ha dicho nuestro Cronista Florian de Ocampo en el cap. 17, en que trata del Rey Hispano, que fue tomado en gran parte de la Crónica General, no dando tampoco valor á las autoridades de los Escritores Irlandeses, que para aumentar la antigüedad de sus ascendientes suponen viages y hazañas en nuestra costa de Galicia y vecindades de esta Torre; sin Autor coetáneo á quien recurrir, porque ninguno de los que escribiéron ántes del siglo IV se acuerda de este monumento, habré de apelar á las conjeturas para asignarle el principio mas verosimil.”

Ten interese este recoñecemento de Cornide de que as súas propostas teñen un carácter fundamentalmente conxectural, ao non estaren directamente amparadas polas testemuñas dos autores antigos nin tampouco por ningunha inscrición que porte o nome do emperador responsable da construcción do monumento, unha inscrición esperable, case obrigada, pero que se perdeu sen que exista esperanza da súa recuperación. O autor volve sobre o asunto máis adiante, recoñecendo que a ausencia de inscrición marca unha debilidade na súa proposta:

y si alguna razon pudiera detenerme para atribuirle la presente [a Trajano], seria solo la de no hallarla señalada con su nombre, tan frequente en todas las de su tiempo, que le costó el que por derrision le llamasen en Roma yerba parietaria; pero esta falta no me parece causa suficiente para que privemos á nuestra Torre de un fundador tan ilustre, y á Trajano de un monumento que ha conservado hasta nuestros dias incontestables señales de su magnificencia, no ménos acreditada en Galicia por otras muchas obras, que para comodidad de sus ciudades y caminantes se fabricáron en su tiempo, y de que nos conservan noticia repetidas Inscripciones.”

A pesar da ausencia de proba epigráfica, considera Cornide que hai argumentos suficientes a favor de Traiano. Pero antes de ir a eles, refuta a atribución, ben habitual como xa comentamos, a Xulio César. Sobre isto di Cornide:

En efecto, si en su tiempo se hubiese hecho esta obra, era muy regular que los Escritores de su vida, ó él mismo en sus comentarios, nos hubiesen conservado alguna noticia; y era muy verosímil que Estrabon, que habló con tanto conocimiento de los Gallegos, y Mela y Plinio que describieron esta costa con tanta exâctitud, y que no se olvidáron de las Aras de Sestio y de las Torres de Augusto, no pasasen por alto la de Hércules, que por su magnitud les hacia muchas ventajas, y por su situacion no podia ocultárseles.

Emprega aquí o argumento de ausencia: se a Torre estivera construída en tempos de César, os autores clásicos que escribiron máis tarde teríana citado. Seguindo o argumento de Cornide, pola miña parte engado que a edificación da Torre non só debería ser posterior a Xulio César, senón tamén a tódolos escritores que, debendo citala, sempre segundo o parecer de Cornide, non a citan. Estrabón é contemporáneo de Augusto, Mela éo de Calígula e Nerón, e Plinio desenvolve o seu traballo en tempos de Nerón e Vespasiano; o momento en que se ergueu a torre debería ser, se a formulación de Cornide fose correcta, posterior a todos eles, e en consecuencia non anterior ao inicio da dinastía Flavia.

tabla emperadores

Seguindo con Cornide, un novo argumento, baseado na análise histórica dos motivos para a construcción do faro, permítelle dar un paso máis:

por otra parte su mismo destino me conduce como por la mano al tiempo, en que probablemente pudo haber motivo para erigirla; aquel, aun quando de la inspeccion de su plano no se conociese suficientemente quál pudo haber sido, por las expresiones del AEthico y de Paulo Orosio, que son los primeros que dan noticia de nuestra Torre, se percibirá que no pudo ser otro que el servir de Faro á los barcos que entraban en el puerto, y de atalaya para reconocer los que pasaban a Inglaterra, cuya Isla aunque rápidamente reducida a la obediencia de los Romanos por César, no admitió su tranquilo gobierno hasta el tiempo de Claudio, que estableció en ella una regular administración.

Con este argumento proporciona Cornide un terminus post quem, é dicir, un límite cronolóxico inferior antes do que a Torre non podería ser construída. Se a Torre se ergueu, como no século V di Orosio, como atalaia para os navíos que se dirixían a Inglaterra, non ten sentido pensar que fose edificada antes da conquista da illa. Xa que dita conquista foi obra de Claudio, a construcción do faro debe ser posterior a ese momento.

INSCRIPCIÓN SEVIO LUPO

Pero entre Claudio e Traiano están os gobernos de Nerón, Galba e os flavios Vespasiano, Tito e Domiciano. Cornide atopa un argumento máis para atrasar de novo a construcción da Torre, baseándose agora na inscrición de Gaio Sevio Lupo, gravada na rocha ao lado do faro. Se Sevio Lupo é o arquitecto da Torre, e se aquel se proclama natural de Aquae Flaviae, a súa obra non pode ser anterior aos Flavios que dan nome á actual cidade portuguesa de Chaves:

Si como suponen los mas, la que se halla cerca de sus cimientos se puso con motivo de su ereccion, de ella misma se saca un argumento de que no pudo haber sido edificada ántes del tiempo de Vespasiano; pues siendo el Arquitecto Gayo Sevio Lupo Aquiflaviense, esto es, natural de Chaves, no habiendo añadido á su nombre esta Ciudad, el dictado de Flavia hasta el tiempo de aquel Emperador, en cuyo obsequio lo tomó como otras muchas, ¿cómo pudo haberse llamado Flaviense el descendiente de un pueblo que no se intitulaba así?

Ata aquí os argumentos de Cornide, que, como o propio autor recoñecía, se baseaban  en deduccións apoiadas en premisas que, sendo pouco sólidas xa no seu tempo, hoxe se nos presentan, cando menos algunhas delas, como claramente erróneas. Antes de sometelas a revisión, sinalemos ademais que os razoamentos de Cornide levan á conclusión de que a Torre non pode ser anterior a Vespasiano, pero non negan a posibilidade de que sexa deste emperador ou de calquera dos seus sucesores, non só os flavios Tito e Domiciano, senón tamén os posteriores a Traiano.

Revisión dos argumentos de Cornide

O proceso argumental de Cornide, polo que conclúe a autoría de Traiano, pode resumirse nos seguintes pasos:

1. A Torre non pode ser obra de Xulio César, pois de selo deberían falar dela os autores clásicos Estrabón, Mela e Plinio, cousa que non fan. A Torre é, en consecuencia, posterior a Xulio César.

2. O sentido da Torre aclárao Paulo Orosio: é un faro altísimo que a cidade galaica de Brigantia erixe a modo de atalaia dominando a ruta de Britannia, da Gran Bretaña. Este sentido pode alcanzalo unha vez que se consolida dita ruta, trala conquista e dominio de Gran Bretaña. Esta conquista adquírese con Claudio, e consolídase, di Cornide, tras afogar novas rebelións, con Traiano.

3. Se aceptarmos que Sevio Lupo é o arquitecto constructor da Torre, e dado que se define como lusitano aquiflaviense, a Torre debe ser posterior a Vespasiano, pois a actual Chaves non pode ter o nome de Aquae Flaviae antes do devandito emperador, o primeiro da dinastía Flavia.

Os argumentos de Cornide son razoables e ben razoados, e as súas formulacións responden ao que era de esperar nun ilustrado de altura coma el. Pero poden e deben ser sometidos a crítica e a actualización, pois hoxe sábense cousas que eran descoñecidas en tempo de Cornide.

O primeiro argumento, de ausencia, aínda que ben construído, non pode darse hoxe como válido. Para que fose correcto sería necesario que cada un dos autores antigos escribisen cunha intención común, e que esta fose a de dar a coñecer a totalidade dos diferentes aspectos dos territorios que trataban cun afán de descrición completa e obxectiva, case etnográfica. Sabemos que non foi así, e que os propósitos de cada autor eran diferentes. Mesmo en Estrabón, que dos tres é tal vez o que máis campos abarca, non pode buscarse a pretensión de obxectividade. As informacións que subministran os outros dous son máis restrinxidas, sobre todo no caso de Plinio, que fai fincapé na distribución e tamaño de pobos e núcleos de poboación (urbes, oppida, etc.) sen pararse a describir, nin sequera a citar, monumentos e construccións. Cornide entendía que, se a Torre de Hércules estivera edificada na súa época, Plinio falaría dela sen dúbida. Non é así. Por non falar, Plinio nin sequera fala do Faro de Alexandría, mentres que Estrabón si fala del con profusión (17.1.6). Se Plinio non dedica espacio ao Faro por antonomasia, unha das marabillas do mundo da antigüidade, existente e sobradamente coñecido e admirado no momento en que escribía o autor, nada ten de estraño que non cite á nosa Torre, que ben podía estar construída e funcionando por entón.


En consecuencia, do feito de que a Torre non sexa citada polos autores sinalados por Cornide, non se pode deducir que non estivera edificada nos seus respectivos momentos. Pero ademais, o argumento de ausencia, que Cornide aplica a Estrabón, Mela e Plinio, habería que facelo extensivo tamén a outros autores, sobre todo a Claudio Ptolomeo; o que ten o seu interese por canto, de ser aceptable o argumento, teríamos que concluír que a Torre era posterior a este autor, Ptolomeo, posto que tampouco na súa obra aparece citada a Torre. E xa que Ptolomeo escribe a súa Xeografía despois do imperio de Traiano, chegaríamos a conclusión de que o faro non existía en tempos de Traiano, o que tiraría por terra a adscrición postulada por Cornide.

De modo que pintan bastos: se damos por boa a premisa de Cornide de que calquera xeógrafo da antigüidade tería que citar á Torre se esta existise no momento de escribir, a conclusión é que a Torre sería necesariamente posterior a Xulio César, que é o que di Cornide, pero tamén tería que ser posterior a Traiano, que é o que non di. Se non se acepta a premisa, e nós non a aceptamos, perdemos toda referencia cronolóxica e quedámonos sen saber, mediante este argumento, cando se construíu a Torre de Hércules. O que non é tan grave, porque non é máis que seguir como estabamos.

Cunha salvedade. Paréceme posible que Ptolomeo cite á Torre, se ben o seu suposto nome antigo, Pharum Brigantium (similar ao de Farum Brecantium que aparece nos textos da Crónica ad Sebastianum do século IX, e ao Farum Precantium do documento de Vermudo II de finais do X), pode estar oculto por erro dalgún copista tras o Flavium Brigantium que Ptolomeo sitúa no Gran Porto dos Galaicos Lucenses. Posible, que non seguro, como posible pero non segura é a posibilidade contraria, é dicir, que o faro non apareza e o nome Flavium Brigantium sexa realmente o que desde Vespasiano tivo a actual Coruña, aínda que tan só sexa recollido por Ptolomeo e non teñamos máis testemuño que o seu. A dúbida queda en pé, e malamente poderemos saír dela mentres non apareza algún monumento epigráfico que deixe definitivamente claro o nome antigo da cidade.

Pero aínda admitindo que o Flavium fose unha corrupción dun Pharum, o único que nos achegaría sería a certeza de que o faro estaba en pé xa entrado o século II, polo que podería ser obra de Traiano... pero tamén de calquera dos emperadores anteriores a el. Seguen pintando bastos, e o argumento de ausencia continúa sen nos ofrecer a precisión que buscamos.

O segundo argumento, sen chegar a ser concluínte, ao noso xuízo ten máis peso. Ao seu favor xoga o feito de que a única referencia antiga á Torre, a de Orosio, o expresa con claridade: a construcción da faro está relacionada coa ruta marítima a Inglaterra. Nada hai que repugne á Historia nin á lóxica, incluso se a esa misión se engade, como está sendo valorado ultimamente por un crecente número de autores, un papel similar en relación coa ruta que seguirían os navíos de transporte que subministrarían mercancías, e particularmente o aceite da Bética -sen excluír o viño e o trigo-, ás unidades militares situadas, ademais de en Britannia, nas fronteiras do curso inferior do Rin, no seo do servicio estatal de avituallamento coñecido como annona militaris.

Pero se a construcción da nosa Torre está vinculada á conquista de Britannia, o argumento apunta máis cara a Claudio, pois é este emperador o que, despois do histriónico simulacro de Calígula, culmina -incluso coa súa presencia persoal no escenario da conquista- esa débeda pendente desde Xulio César, que cara a Traiano, emperador que dirixiu as súas ansias de expansión máis á parte oriental do imperio, principalmente Dacia e Mesopotamia, que á occidental. Mesmo chegou a poñer en perigo a presencia romana en Britannia ao trasladar a Dacia tropas que estaban acantonadas na illa, debilitando o poder romano nesta. Máis sentido tería igualmente pensar en Vespasiano, que participou na invasión claudia da illa ao mando da Legio II Augusta e consolidou posteriormente, xa emperador, o conquistado por Claudio; ou, de preferirmos tempos posteriores, no sucesor de Traiano, Adriano, constructor da célebre muralla que, co seu nome, fixou o limes na illa, separando o territorio de dominación romana do das tribos setentrionais libres da actual Escocia. De todos eles, Traiano preséntasenos hoxe como o peor dos candidatos.

Quédanos o terceiro e último argumento, que en principio parecía irrefutable: se o constructor da Torre procede de Aquae Flaviae, non é posible negar que necesariamente é posterior, ou como moito contemporáneo, de Vespasiano, pois a cidade non pode tomar o nome Flavia antes do imperio da dinastía do mesmo nome, procedente do nomen familiar do mencionado emperador, Tito Flavio Vespasiano, primeiro da serie que continuarán Tito e Domiciano.

Todo iso estaría moi ben se a lectura AQUIFLAVIENSIS LVSITANVS que fai Cornide fose correcta. Pero desde Hübner sabemos que non é, e que a lectura boa das liñas causantes do erro é AEMINIENSIS LVSITANVS, indicándonos que Gaio Sevio Lupo, que efectivamente era arquitecto e lusitano (hoxe diriamos portugués), non procedía da actual Chaves -antes Aquae Flaviae- senón da actual Coimbra -antes Aeminium-. E se o nome de Aquae Flaviae non podía ser anterior a Vespasiano, o de Aeminium, polo contrario, non só pode ser anterior a dito emperador, senón que de feito parece claro que é. Os Aeminienses son citados por Plinio (NH 4:118) así como o oppidum e o río que levan o mesmo nome Aeminium (ib:113), polo que parece claro que a cidade está xa constituída e é plenamente coñecida en tempos de Nerón-Vespasiano.

Ao final, os argumentos de Cornide diluíronsenos nas mans. Se acaso, poderiamos supoñer que a Torre é posterior a Augusto, pois de Estrabón si sería esperable que a citase se estivera edificada entón. Pero da súa ausencia en Mela, e sobre todo en Plinio, non podemos deducir nada, nin sequera a súa inexistencia no momento en que escriben ditos autores. Tamén se nos foi a deducción da data post-Vespasiano a partir do AQUIFLAVIENSIS da inscrición do arquitecto Gaio Sevio Lupo, pois a inscrición non di iso senón AEMINIENSIS, de Aeminium, e este nome non nos dá ningunha indicación cronolóxica. Nin tan sequera podemos dar por válida a pretensión de Cornide de que a función do faro, vinculada á ruta cara a Britannia, apunta a Traiano. Se acaso, como vimos, apuntaría máis ben a Claudio, a Vespasiano (anteriores a Traiano) ou incluso a Adriano (posterior).

O que nos queda é que a Torre foi ergueita nalgún momento indeterminado dentro da marxe cronolóxica entre Augusto e Adriano, cunha mención especial a Claudio e unha certa sospeita de que Traiano pode non ter tanto que ver como dicía Cornide. Certamente estamos de acordo en que non é demasiado precisar. Se non fose porque sempre é preferible unha sólida dúbida a unha afirmación falsa, ben poderiamos dicir que para esa viaxe non facían falta alforxas.


2008-08-09 14:58 | 0 Comentarios


Referencias (TrackBacks)

URL de trackback de esta historia http://quotidianum.blogalia.com//trackbacks/58888

Comentarios

portada | subir