ves esta página sin formato por que esta hecha cumpliendo el estándar web CSS 2.
tú navegador no soporta este estándar, o tienes dicho soporte desactivado.
si estas en el primer caso, actualízate. merece mucho la pena.

Quotidianum

As cousas do día a día,
dende a trastenda arqueolóxica persoal de
José María Bello

Arquivos

<Diciembre 2017
Lu Ma Mi Ju Vi Sa Do
        1 2 3
4 5 6 7 8 9 10
11 12 13 14 15 16 17
18 19 20 21 22 23 24
25 26 27 28 29 30 31
             

************************* Segui @XoseMariaBello ************************* Free counter and web stats *************************


Blogalia

Blogalia


©2002 elpater

Inicio > Historias > Castro de Elviña, xacemento aberto

Castro de Elviña, xacemento aberto

2008-12-06 16:38:22+01

ELVIÑA, XACEMENTO ABERTO
Investigación e intervencións arqueolóxicas no Castro de Elviña: estado da cuestión

José Mª Bello Diéguez (museo@sananton.org)
Begoña González Afuera (bgafuera@telefonica.net)

[Begoña González Afuera é autora exclusivamente dos debuxos de pezas. José Mª Bello é autor de todo o demais, incluindo fotos, infografías, planos e, sobre todo, ideas, argumentos e texto]

Museo Arqueolóxico e Histórico da Coruña


------------------
RESUMO

Dende 2002 desenvólvese a fase actual de intervención arqueolóxica no Castro de Elviña, con traballos de escavación, consolidación, estudos de laboratorio e proxección didáctica, no seo do denominado Proxecto Artabria, promovido e financiado polo Concello da Coruña coa colaboración doutros organismos de goberno (singularmente a Consellería de Cultura da Xunta de Galicia e os Ministerios de Cultura e Fomento).
O obxecto desta comunicación é presentar o estado actual das devanditas investigacións e actuacións, ofrecendo os resultados dos traballos de campo e de laboratorio que se obtiveron ata o momento, os cales permiten establecer varias fases de ocupación ben diferenciadas por materiais, estruturas e secuencias estratigráficas, así como delimitar áreas de funcionalidade específica nos espazos do castro.

Preséntanse así mesmo os programas arqueométricos que se están a levar a cabo en colaboración co Instituto Universitario de Xeoloxía "Isidro Parga Pondal" da Universidade dá Coruña, e as actuacións de protección e apoio á visita pública que se realizan no Castro de Elviña.
------------------


A vida do Castro de Elviña desenvolveuse como un Guadiana dende a súa primeira escavación en 1947. Iniciada por Luis Monteagudo dende a Universidade de Santiago, a dirección pasou o ano seguinte a José Mª Luengo, Comisario de Escavacións Arqueo-lóxicas, por decisión do Estado. As escavacións desenvolvéronse anualmente ata 1953 (fig. 1), quedando paralizadas dende entón ata 1979, ano en que o Museo Arqueolóxico e Histórico coruñés, coordinado con outras institucións no Instituto de Estudos Galegos "Padre Sarmiento", retomou as actuacións con dirección de Felipe Senén López, con campañas anuais de limpeza, reescavación do previamente escavado e finalmente escavación de novos espazos, ata o seu paralización trala campaña de 1985. O castro volveu entón a un estado de abandono á maleza e á destrución ata 2002. No mes de xullo dese ano púxose en marcha a actual terceira fase de intervencións, na que aínda estamos. ¡E que dure!

Dende o comezo da nova fase empregamos internamente o lema "Elviña, xacemento aberto" para recordarnos o estilo e a filosofía que queriamos informase as nosas actuacións. O castro está aberto porque, efectivamente, o abrimos para coñecer o que oculta nas súas entrañas. Pero é tamén un "depósito aberto" porque queriamos que o estivese para a cidadanía, de todas as idades e procedencias. Curiosamente, a primeira actuación foi, paradoxalmente, a de pechar cunha valla de obra o xacemento aberto. Paradoxo, que non contradicción: o peche, o valado do depósito posibilitou a súa apertura nos dous sentidos indicados. Permitiu definir e acoutar a área de protección, na que se actúa no control da vexetación "natural", no mantemento de camiños e na protección de antigas estruturas agrarias, e permitiu á súa vez a visita ordenada das persoas interesadás en ela, tanto en grupos como de forma individual. Dende o principio esas foron unhas das preocupacións principais, e pouco a pouco vanse mellorando as instalacións que a posibilitan, como veremos con algún exemplo.

É "xacemento aberto" para os cidadáns, tamén, porque aberto está dende o principio non só á visita, senón á participación activa de voluntarios, estudantes ou non, expertos ou non, en todas as tarefas de escavación e derivadas. É posible que as intervencións no futuro próximo deban ser abordadas no fundamental por profesionais; de tódolos xeitos, intentaremos que a presenza de voluntarios siga sendo posible, pois entendemos que as vantaxes derivadas desta son moi superiores aos inconvenientes, que tamén existen. Sexa cal sexa o desenvolvemento futuro, abordámolo con esta vontade explícita.

Finalmente, é "xacemento aberto" porque tamén o está o proceso de obtención de resultados da escavación, aberto á contemplación pública dende o momento mesmo da súa aparición. As visitas públicas, nas que non hai a menor prohibición de tomar fotografías ou imaxes, mantéñense durante as campañas de escavación; pero tamén están abertos os laboratorios e talleres, situados neste caso no chamado Coliseum, á visita colectiva ou individual, sen máis requisito que a curiosidade por coñecer os materiais exhumados e como traballamos con eles e cos demais datos rexistrados. A nosa pena é non ter sabido convencer aos responsables -de momento, que todo se andará- da potencialidade didáctica da visita de escolares aos laboratorios combinada coa visita ao xacemento. As visitas organizadas previamente, como a da Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Pontevedra, ou as visitas individuais de colegas, son xa moitas; creo que non nos desmentirán se afirmamos que todos os datos estiveron a disposición de quen os quixo coñecer. Algúns apareceron xa en teses doutorais lidas por persoas non vinculadás a Elviña: non cabe maior satisfacción que a contribución ao avance do coñecemento xeral, non só a través do noso traballo senón tamén co doutros. Este prantexamento aberto ten tamén o seu premio inmediato no intercambio de coñecementos, no que fomos obsequiados con novas formulacións que non se nos ocorreran, ou coa identificación de materiais para nós descoñecidos. Non nos avergoña recoñecer o que non sabemos; avergoñaríamonos disimular a nosa ignorancia e perder unha nova oportunidade de aprender. E oportunidade tivemos con sabios colegas como Xulio Carballo, Pepa Rey, José Manuel Caamaño, Fernando Carrera, Juan Naveiro, Rui Morais ou Alfredo González Ruibal, citados a xeito de breve exemplo dos que nos axudaron e axudan con xenerosidade. Presentamos desculpas aos que non foron citados; en ningún caso deben considerarse excluídos. Elviña é tamén "xacemento aberto" á colaboración.

image001
Fig. 1: No plano xeral do castro, sinálanse as zonas intervidas en 1947-1953 (1), 1979-1985, con limpeza das anteriores e escavación nova na croa (2), e 2002-2006, con sondaxes lonxitudinais e escavación en área na esquina SW da croa (3)


Cando en 2002, despois dunha intensa campaña de roza da vexetación descontrolada e de tala do auténtico bosque de eucaliptos que poboaba o castro, este volveu ser visible co seu aspecto tradicional, a imaxe resultou en certa forma sorprendente. Ao pé dunhas potentes murallas nas que se abría unha porta flanqueada por torreóns, esparexíase un conxunto de edificacións illadas, en ocasións moi afastadas unhas doutras, de configuracións certamente curiosas. Unha delas rectangular, cun estraño engadido circular nun dos seus lados o que recordaba un forno típico de casa campesiña. Preto, do outro lado da porta, un recinto de planta case triangular do que procedía o chamado "ídolo fálico" sobre o que, segundo o seu descubridor, sentaban a carranchapernas as mulleres do castro para impetrar fecundidade. Pegada a esta, un pequeno habitáculo de planta cadrada. Bastantes metros máis alá, solitario, o impactante alxibe co seu pozo profundo ao que se descende por escaleiras enfrontadas. Novo espazo baleiro e, finalmente, o edificio rectangular do que procede o famoso "tesouro" áureo. Ao Sur, tamén solitaria e afastada das súas veciñas, unha construción de planta circular co seu chan e o arranque da súa parede parcialmente escavados na rocha (fig. 1, 1). Nada que ver co apertado conxunto de construcións que parecen pelexarse por un espazo que se ocupa de forma sobrecargada, respectando tan só pequenas áreas angostas, que resulta habitual nos máis coñecidos castros escavados en certa extensión.

Non resulta estraño que, ante ese panorama tan afastado do que se entende e entendía por arquitectura castrexa, Luengo optase inicialmente por pensar que "se trata de un castro totalmente romano, levantado en el siglo I de nuestra Era, por las cohortes conquistadoras de Roma". E a pesar de que os achados de sucesivas escavacións puxeron de manifesto a existencia de niveis indíxenas anteriores ao propiamente romano, a imaxe da arquitectura do poboado seguiu sendo a mesma: construcións illadas, máis rectangulares que cu-vas, sen conexión ningunha entre si, ao pé da muralla que rodeaba a croa, polo menos polas escavadas vertentes Sur e Leste. Visto o panorama, o indíxena prerromano, máis que estar, se lle supoñía. ¿E no interior da croa? Misterio. Non se escavou nada dentro da croa ata finais do século XX, ata 1985 (fig.1, 2), pero os resultados non foron publicados.

A situación hoxe é outra. Dentro da croa, aínda que moi deteriorado e arruinado, saíu á luz un grupo de construcións que, se ben con configuracións formais diferentes do máis coñecido da área meridional da Gallecia, poden responder a esquemas estruturais similares. Os espazos articúlanse aquí en torno a un rueiro ou corredor lousado, e a diferenciación entre interior con fogar e forno e vestíbulo aberto ó exterior non ten a planta en pinzas, senón que se fai mediante a división dunha planta ovalada común. Pero todo ten xa un aire máis próximo ao que se vén tomando como canónico para o castrexo final (fig. 2 e 3).

image004
Fig. 2.: Construcións e rúa lousada na croa.

image006
Fig. 3: Edificio con vestíbulo, fogar e forno.

Mesmo algunha das construcións está dotada dun sistema de canles de evacuación de augas que, partindo dun burato practicado no punto máis baixo do corredor lousado, discorre baixo os pavimentos para desaugar no límite da edificación, onde se une a outra canle procedente doutro punto (fig. 4). As augas evacuadas van a unha zona libre de estruturas e énchea de lamas nas que se atopa multitude de restos cerámicos, algúns de bo tamaño, o que indica que a devandita zona foi usada como vertedeiro de lixo (fig. 5).

image014
Fig. 4: Canles de evacuación de augas.

image012
Fig. 5: Área de lamas de desaugadoiro con materiais.

A construción dun muriño sobre as deposicións máis antigas axuda a establecer a secuencia estratigráfica nesta ampla área na que se suceden deposicións de lamas e derrubos; tamén teñen reflexo estratigráfico as modificacións que afectan a algún dos edificios da área que comentamos (área 13 na xerga interna da escavación, fig.1), situada no interior do ángulo SW da croa. O caso máis claro é o do que chamamos ámbito 1 (fig. 6), no que a planta do edificio activo modificouse en polo menos dúas ocasións, revelándose a planta inicial, máis aberta e redondeada, ao escavar o espazo entre a edificación e a muralla (ao que chamamos internamente, de forma certamente impropia, "camiño de ronda").

image010
Fig. 6: Modificacións na planta do ámbito 1.

Agás puntos moi concretos, a excavacion non chegou a esas fases iniciais máis profundas, que en moitos casos desapareceron polas modificacións posteriores, cando non desapareceron todas elas quedando tan só a rocha nai en superficie ou baixo unha leve capa de sedimentos. En xeral, a fase que quedou á luz é a que chamamos "Fase 3", que é a que aparece nas figuras e na que se configuran as estruturas coa planta visible na actualidade; a esta séguelle unha Fase 4, na que se mesturan os niveis de destrución cos de acumulación de materiais que, se ben continúan os da fase anterior en moitos aspectos, noutros presentan novidades que nos permitirán aproximarnos á historia do castro.


A pesar do alto grao de destrución, a cantidade de materiais exhumados resulta desbordante. O número de elementos siglados, nos que se inclúen a abafadora cerámica, pero tamén vidro, pedra, bronce, ferro, chumbo e ata un pequeno fragmento de helicoide de ouro, rolda nestes momentos os 20.000; os que foron arquivados nas salas de reserva son loxicamente moitos máis. Por iso só exporemos aquí algúns trazos dos que nos parecen máis significativos, sen ánimo ningún de exhaustividad, e advertindo de que se trata dun estudo aínda en curso, polo que o que agora se diga pode verse modificado por novos resultados aínda non coñecidos.

cerámicas lisas  Villalba ELVIÑA
Cerámicas lisas. Formas "en cinco", "en ese" e "en uve".

Pero nestes momentos, para esta Fase 3, contemporánea da utilización da potente muralla de entre 4 e 5 m de grosor e que debeu ter outros tantos de altura, na cerámica non importada diferenciamos tres formas principais que poden servir de modelos en torno aos que pivotan outras formas derivadas: as formas "en cinco" (fig. 7 e 8), as formas "en ese" (fig. 9 e 10) e as formas "en uve" (fig. 11 e 12).

image008
Fig. 7: Forma "en cinco".

image024
Fig. 8: Fragmentos de formas "en cinco".

Na primeira, o labio é horizontal e únese ao colo, cilíndrico, en ángulo próximo ao recto; o colo, pola súa banda, únese ao bandullo globular en carena angulosa ben marcada, recordando todo iso a forma dun número cinco.

image016
Fig. 9: Forma "en ese".

image022
Fig. 10: Fragmentos de formas "en ese".

Pola súa banda, a forma "en ese" recorda á anterior, pero as unións entre bordo e colo, e entre este e bandullo, son curvas, suaves, sen carena marcada; da mesma forma, o colo non será cilíndrico senón cóncavo, uníndose suavemente a bordo e bandullo e recordando no seu perfil a letra ese.

image018
Fig. 11: Forma "en uve".

image020
Fig. 12: Fragmentos de formas "en uve".

Na forma "en uve" o bordo é recto e oblicuo, e insírese directamente no bandullo, globular como nas formas anteriores, formando ángulo ou carena marcada, sen que exista colo diferenciado; no perfil, unindo os bordos, ou prolongándoos ata que se crucen, daríanos unha figura similar á letra V.

As vistas non esgotan as formas da cerámica. Hai formas intermedias, outras como as pechadas sen colo nin bordo, e grandes contedores moitas veces con bordo reforzado ao interior, con ou sen dobre rebordo, ó xeito que Pepa Rey chama "Borneiro A". Da clasificación de P. Rei existen tamén, con certa abundancia, fragmentos da chamada "peza singular Recarea" e en menor número bordos "tipo Corredoiras".

Aínda que en menor proporción que as cerámicas lisas, estas con acabados de alisado sinxelo ou máis coidado, chegando ao brunido, non son infrecuentes as pezas decoradas con moi diferentes técnicas: impresa, incisa, peiteada, plástica, brunida, cepillada... Un conxunto non exhaustivo de exemplos atópase nas figuras 13 a 19.

image036
Fig. 13: Cerámicas con decoración incisa.

image038
Fig. 14: Cerámicas con decoración de lúas e peiteada.

image034
Fig. 15: Cerámicas con decoración impresa estampillada.

image032
Fig. 16: Cerámicas con decoración cepillada e con brunidos irregulares.

image028
Fig. 18: Cerámicas con decoración plástica.

image030
Fig. 19: Cerámicas con decoración de "puntas de diamante".

Baixo unha primeira impresión de homoxeneidade e monotonía escóndese na cerámica unha forte diversidade. E esta diversidade non se refire só a formas, acabados e decoracións, senón que vese reflectida tamén nos tamaños, que cunha mesma concepción estrutural formal dan lugar a unha variedade de pezas tal que é lícito supoñer funcións ben diferenciadas (fig. 20).

image026
Fig. 20: Restitución hipotética de cerámicas da Fase 3, a partir das dimensións reais de labio, colo e arranque de bandullo.


Acompañando á cerámica vista, aparecen nos diferentes niveis da Fase 3, en menor grao no interior dos edificios, de forma máis abundante nas zonas de acumulación de residuos, certos elementos de carácter exótico ou importado, que teñen grande valor non só como testemuño do tráfico de mercadorías, do que cabe supoñer que iría acompañado de intercambio de elementos menos materiais de tipo ideolóxico e tecnolóxico, senón tamén como axuda para situar no tempo as construcións e obxectos que estamos a ver, e ás persoas que nelas habitaron e deles se serviron nas súas vidas.

image040
Fig. 21: Materiais preaugusteos na croa: (1) ánfora grecoitálilca; (2) cerámica campaniense; (3) ánfora púnica africana; (4) posible [/askós; (5) ánfora Dressel1 a; (6) cerámica ibérica./]

Na selección incluída na figura 21 represéntanse os principais materiais exóticos presentes nesta fase da vida do poboado: ánforas grecoitálicas, púnicas africanas e Dressel 1a; no tocante a cerámicas finas hai cerámicas campaniense, sobre todo do tipo Campaniense A, posibeis fragmentos de askós púnico e cerámicas pintadas probablemente ibéricas. Remítennos todas elas a momentos sensiblemente máis antigos que o que se viña postulando en moitas ocasións para Elviña, situándonos nun tempo anterior non só á presenza próxima de Roma nas Guerras Cántabras, senón anterior mesmo á expedición de Décimo Xuño Bruto, un tempo que alcanza cara a atrás o século II, se non o III antes de Cristo, para a fase que estamos a considerar -e non esquezamos que baixo ela hai outras.

No sentido contrario, os elementos que poñen límite superior a esta Fase 3, da que os compoñentes máis locais perviven na Fase 4, son algúns fragmentos de ánfora Haltern 70 que aparecen nas unidades estratigráficas máis recentes da Fase 3, coexistindo nalgunha ocasión coas Dressel 1, polo que datalas en época de Augusto non parece incorrecto. Podemos propoñer polo tanto que Augusto marca o cambio de Fase 3 a Fase 4, con transformacións na configuración do castro, modificación dalgunhas estruturas, destrución e arrase doutras e aparición doutras novas nas que non nos deteremos agora. Na Fase 4 as ánforas Haltern 70 serán abundantes, e veranse acompañadas por decenas de pequenas contas de vidro transparente ao que unha fina capa de ouro, en plaquiñas ou en po, aplicado no oco ou entre dúas capas de vidro, dá por refracción un aspecto dourado xeral; é a técnica chamada gold-in-glass. Un terceiro elemento que axuda a situar esta Fase 4 é a presenza, na capa superior dunha das áreas de acumulación de residuos, de fragmentos dun prato ou fonte de verniz vermello "pompeiano", talvez importado máis que de imitación local. En calquera caso está totalmente ausente da área escavada a terra sigillata, o que sería impensable se esta Fase IV traspasase os momentos flavios.

ánforas haltern 70  Villalba ELVIÑA
Fragmentos de ánforas Haltern 70.

doas gold-in-glass Villalba ELVIÑA
Doas vítreas gold-in-glass.

prato vermello pompeiano Villalba ELVIÑA
Fragmentos de prato de verniz vermello pompeiano.


Na fase 3, sen descartar un comezo anterior, ocúpase tamén un amplo espazo pegado á muralla e fóra dela, inmediato á entrada lousada que, no ángulo SW da croa, se descubriu tamén nas escavacións dos últimos anos. Este espazo achábase ao comezar a súa escavación cuberto por espesas capas de pedras do derrubo da muralla, baixo as que se estendía unha capa horizontal de terra que, retirada, ocultaba un complexo conxunto de pequenos recintos pegados, unha canle tallada na rocha, e unha serie de foxas ao pé da rocha sobre a que se levanta a muralla, delimitadas por pedras, con restos de combustión, que poden ser interpretadas como fornos.

image042
Fig. 22: Vista da área extramuros dende a muralla, cara ao Sur.

image044
Fig. 23: "Fornos" pegados á muralla.

A presenza, na capa de terra que cubría e ocultaba as estruturas existentes, dun fragmento de molde de caldeiro, fragmentos de crisois e abundantes restos de escouras e restos parcialmente fundidos de bronce e ferro lévannos a considerar o recinto como un taller de actividades metalúrxicas, sen poder ir de momento máis alá en canto a se nel se produciría a extracción de metal ou á súa transformación. Na parte superior da capa de terra mencionada atopouse unha fíbula de longo traveseiro sen espira, sen que aparecera en toda a área resto algún máis recente. A hipótese que barallamos é que o peche e amortización do local industrial prodúcese tamén con Augusto, no momento en que finaliza a Fase 3 da croa dando lugar ás transformacións da Fase 4; unhas transformacións que, neste caso, poden incluír a primeira anulación da muralla da croa.

molde sítula Villalba ELVIÑA
Fig. 24: Fragmento de molde de caldeiro ou sítula.

escouras  Villalba ELVIÑA
Escouras.

fíbula longo traveseiro  Villalba ELVIÑA
Fig. 25: Fíbula de longo traveseiro sen espira.


Durante a campaña de 2002 abríranse sondaxes lonxitudinais en diferentes zonas do castro (fig 1), que permitiron coñecer mellor a súa distribución espacial; ou cando menos, permitiron unha aproximación ao sistema de delimitadores espaciais que, en forma de murallas, define e articula os diferentes espazos do poboado. Na sondaxe 5 exhumouse a que ata o momento é a muralla exterior do recinto castrexo, bastante máis afastada da croa do que o que se viña supoñendo.

materiais sondeo 5 Villalba ELVIÑA
Materiais romanos da sondaxe 5.

Na mesma sondaxe, na superficie intramuros, sobre un pavimento de cantos rodados, acumulábase un bo número de materiais de clara atribución romana, como abundantes fragmentos de terra sigillata hispanica, algún de t.s.h.t., restos de Haltern 70 e un posible fragmento de ánfora olearia Dressel 20 entre outros; unha ocupación claramente altoimperial, que alcanza o Baixo Imperio, sen que poidamos concretar máis debido ao exiguo da sondaxe, que nesta parte ocupaba unha superficie aproximada de 7 m2. Tamén na sondaxe 6 apareceran fragmentos de Haltern 70, pero estaban ausentes outros elementos como as sigillatas e a Dressel 20, mentres que outros como as contas de vidro con dourado interior eran comúns cos materiais da Fase 4 da croa.

Aínda tendo en conta que, salvo na croa, só contamos con sondaxes e non con escavacións en área, os resultados son tan nítidos e tan coherentes que os propoñemos como hipótese para corroborar ou refutar en futuros traballos, partindo das seguintes bases:

- As cerámicas campanienses distribúense exclusivamente polo interior da croa e polo espazo anexo extramuros interpretado como taller metalúrxico (fig. 26).

image056
Fig. 26: Distribución de cerámicas campaniense (*), na croa e no taller extramuros.

- As ánforas grecoitálicas e itálicas distribúense igualmente polo interior da croa con carácter exclusivo (fig. 27).

image050
Fig. 27: Distribución de ánforas grecoitálicas e itálicas (*), centrada na croa.

- As ánforas Haltern 70 atópanse tanto no interior da croa como fóra dela, na área 12 e as sondaxes 5 e 7 (fig. 28).

image054
Fig. 28: Distribución de ánforas Haltern 70 (circos vermellos), tanto na croa coma nas terrazas.

- As ánforas (posibles) olearias Dressel 20 aparecen exclusivamente fóra da croa (sondaxes 5 e 7, fig. 29).

image058
Fig. 29: Distribución de ánforas Dressel 20 (circos vermellos), exclusivamente fóra da croa.

- Os fragmentos de terra sigillata hispanica e t.s.h.t. ocupan exclusivamente os espazos extramuros da croa, atopándose nos niveis máis recentes da área 12 e na acumulación de materiais romanos da sondaxe 5 (fig. 30).

image052
Fig. 30: Distribución de terra sigillata hispánica e terra sigillata hispánica tardía (circos vermellos), exclusivamente fóra da croa.

O panorama apunta a un comezo do castro na parte alta, a croa, cando menos dende o século II a.C., cunha paulatina ampliación de espazos ao pasar o tempo, ocupándose a primeira terraza en tempos de Augusto, e estendéndose á segunda, delimitada por unha nova muralla, en torno á época flavia.


Outro estudo no que estamos a traballar en colaboración co Dr. Juan Ramón Vidal Romaní, director do Instituto Universitario de Xeoloxía "Isidro Parga Pondal", é o das lousas de pizarra, un material alleo ao substrato xeolóxico da zona pero que ten presencia en distintos lugares do castro. Claramente vinculadas a algúns dos fogares, atópanse tamén noutras zonas, de ocupación ou de acumulación de residuos. Atendendo á estratigrafía, e aínda que aparezan algunhas lousas na Fase 3, o seu número e frecuencia parece incrementarse claramente durante a Fase 4 e seguintes, é dicir, ao intensificarse a presenza romana a partir do cambio de era. Os estudos intentan descubrir cáles son as fontes de materia prima, así como aproximarse á función destes materiais e aos mecanismos de aprovisionamento. Aínda que nestes momentos esteamos a traballar máis intensamente nas lousas, a colaboración co Instituto de Xeoloxía abrangue máis aspectos, dende a caracterización xeolóxica do castro e as formacións naturais nas que se asenta ata a análise de cerámicas e outros materiais, ademais da datación de cerámicas e sedimentos mediante luminiscencia, tanto TL como OSL, xa aplicadas satisfactoriamente na Torre de Hércules como se detalla noutra comunicación a este Congreso.


Unha vez dado este breve paseo polas actuacións no castro e os seus primeiros resultados, volvemos ao principio retomando o lema "Elviña, xacemento aberto". E neste sentido sinalamos que, se ben o castro estivo aberto sempre ás visitas, dende o último ano encárgase o Museo Arqueolóxico da xestión destas, baixo dirección da Dra. Begoña Bas como responsable da didáctica do xacemento. En colaboración con ela realizamos ultimamente unha mellora das condicións da visita, instalando varandas, ramplas, escaleiras e balizado de rutas nos puntos que así o requirían.

image064
Fig. 31: Varandas de madeira a xeito de miradoiro sobre a área escavada na croa.

image062
Fig. 32: Rampla que salva un valado e varandas sobre a croa.

image060
Fig. 33: Escaleira modular que salva desniveis e permite a visita ao depósito.

Todos os elementos son modulares e non afectan ó substrato, apoiándose sobre el; tan só os elementos que precisan ser cravado se introducen no terreo, mediante cravado simple sen adición de morteiro, nunha profundidade máxima de 20 cm. Na actualidade realízanse visitas gratuítas con guía durante as mañás das fins de semana, estando prevista unha maior frecuencia durante os meses de verán. Así mesmo elaboráronse xa unidades didácticas, e trabállase na sinalización informativa dentro do xacemento así como na edición dun folleto explicativo.

A Coruña, abril de 2008.

NOTA: As intervencións das campañas de 2002 a 2004 foron financiadas pola Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, no marco do Convenio asinado entre a Consellería de Cultura e o Concello da Coruña. As intervencións sobre a vexetación de 2006 e a dotación de elementos de apoio á visita que acabamos de describir correron a cargo de senllas subvencións da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural. O resto de actuacións, incluídas as campañas de 2005 a 2007, foron sufragadas polo Concello da Coruña. As intervencións entre 2008 e 2012 serán financiadas polo Ministerio de Cultura con cargo ao 1% cultural. A dirección dos traballos recae no arqueólogo José Mª Bello, Coordinador Científico do proxecto. Entre 2002 e 2004 actuaron como axudantes de dirección a Dra. Beatriz Comendador e o arqueólogo Miguel San Claudio. Dende 2007 actúa como axudante de dirección a arqueóloga Begoña González Afuera.


2008-12-06 16:38 | 4 Comentarios


Referencias (TrackBacks)

URL de trackback de esta historia http://quotidianum.blogalia.com//trackbacks/60938

Comentarios

1
De: Sanantón do Castelo Fecha: 2008-12-06 20:19

Este traballo foi presentado no I Congreso Internacional de Arqueoloxía de Vilalba (Lugo), e publicado nas actas do congreso, agás as imáxenes sen numerar, que se engaden agora (alí non foi posíbel por estar o espazo tasado).



2
De: Antonio Martínez Fecha: 2008-12-07 21:08

Moitas grazas por compartir esta publicación. Deste xeito, os non especialistas poderemos manternos "algo" ao día sobre o noso castro.



3
De: Gorka Fecha: 2009-01-10 16:05

Enhorabuena por este excelente trabajo (como no podía ser de otra manera) y que en el 2009 la crisis no impida que se siga invirtiendo en cultura (de la que, en vista de cómo anda el mundo, no andamos muy sobrados).
Un abrazo.



4
De: Gorka Fecha: 2009-03-06 16:49

...y por la conferencia del día 4 (no tuve la suerte de poder asistir, pero fuentes fidedignas me dijeron que estuvo muy bien).



portada | subir