ves esta página sin formato por que esta hecha cumpliendo el estándar web CSS 2.
tú navegador no soporta este estándar, o tienes dicho soporte desactivado.
si estas en el primer caso, actualízate. merece mucho la pena.

Quotidianum

As cousas do día a día,
dende a trastenda arqueolóxica persoal de
José María Bello

Arquivos

<Diciembre 2018
Lu Ma Mi Ju Vi Sa Do
          1 2
3 4 5 6 7 8 9
10 11 12 13 14 15 16
17 18 19 20 21 22 23
24 25 26 27 28 29 30
31            

************************* Segui @XoseMariaBello ************************* Free counter and web stats *************************


Blogalia

Blogalia


©2002 elpater

Inicio > Historias > Ángel Villa, novo paciente da Inquisición

Ángel Villa, novo paciente da Inquisición

2011-03-27 13:41:08+02

Os nosos irmáns orientais coñecen de sobra o Chao Samartín. Emplazado no concello de Grandas de Salime, nesas paisaxes nas que a beleza aturde, non era nada ata que Ángel Villa, arqueólogo da administración autonómica asturiana, puxo nel as súas mans e a súa ilusión. Traballou coma unha besta durante anos e convertiu ao Chao no referente obrigado para a arqueoloxía castrexa do noroeste.

Ángel Villa foi quen de artellar no Chao un formidable equipo de investigadores. Os traballos destes xa están a dar froito. Un deles, o estudo da cerámica común do Chao, obra de Hevia, Montes e o propio Villa, non atopa acougo na miña mesa de traballo: non hai día que non o abra buscando orientacións para as pezas de Elviña. O mellor é que as atopo.

Salto atrás no tempo e no espacio. Deixamos os montes de Grandas e viaxamos ata a costa asturiana, ata Xixón. Alí o continente, coma se fose un barco, introduce a sua proa no mar nun impoñente cabo. Sobre este aséntase outro impresionante xacemento, a Campa Torres, escavado xa hai tempo por Maya (desdichadamente falecido) e Cuesta Toribio. No extremo do cabo persiste un búnker, que foi aproveitado para instalar un pequeno e eficaz museo de sitio dependente do concello xixonés.

A administración comisionou a Ángel Villa para revisar as pezas existentes no museo da Campa a fin de seleccionar os obxectos merecentes de seren expostos no Museo Arqueolóxico de Asturias, de recente inauguración. Durante eses traballos, Ángel estaba entre os que descubriron que un moble ocultaba unha portiña da que ninguén sabía e que daba paso a unha especie de zulo. Na humidade deste, para asombro de todos, malvivían unhas caixas de cartón que contiñan miles de fragmentos cerámicos das xa vellas escavacións da Campa Torres, materiais arqueolóxicos ata agora descoñecidos, furtados ao público e á investigación.

Novo salto no tempo e no espacio e voltamos a Grandas de Salime. Alí, durante anos, un home de certo singular, Pepe o Ferreiro, foi creando aos poucos un excelente e entrañable museo etnográfico. Tiven a sorte de visitalo da man de Pepe o Ferreiro, e puiden gozar dos seus ensinos na fragua e mesmo de tomar un groliño de licor café nun bar do edificio polo que parecía non ter pasado o tempo.

E xa poñemos os pés, ben chantados na terra, no día de hoxe. Un cambio na consellería de cultura do goberno asturiano trouxo consigo a fulminante destitución de Pepe o Ferreiro como director do museo de Grandas e o nomeamento dun novo director, cargo que foi recaer en Cuesta Toribio, o arqueólogo que "esquecera" miles de pezas nun descoñecido zulo da Campa Torres.

Móntase o escándalo mediático. Hai que buscar unha cabeza de turco. Atópana, coa complicidade dun compañeiro de traballo da víctima, en Ángel Villa. Ábrenlle un expediente e, para acusalo dunha falta moi grave, aplícaselle o artigo que regula os achados casuais, que son os que atopa un señor cando fai un buraco para un pozo, non as pezas procedentes dunha escavación regular. Pura irregularidade, pura mezquindade, pura perversidade.

Pepe o Ferreiro vese expulsado do museo que creou. Ángel Villa enfróntase á súa probable expulsión como funcionario público. Cuesta Toribio, o arqueólogo que perdeu miles de pezas nun zulo, é nomeado director do museo de Grandas en sustitución de Pepe o Ferreiro. Ao funcionario que impulsa o expediente contra Ángel Villa propónselle como director técnico do novo Museo de Asturias, intento frenado pola valente e oportuna oposición de CCOO.

A caza de bruxas non queda aí. A Rodrigo de Balbín, investigador durante décadas da impresionante cova de Tito Bustillo, apártaselle das investigacións e do xacemento, e ignóraselle en toda a tramitación da consolidación e da creación dun novo Visitor Center (algo que nos sorprendería se non tivésemos perto a mesma situación no dolmen de Dombate, pero que no resto do mundo -civilizado- é impensable), advertindo ás empresas concurrentes de que perderían calquera posibilidade de adxudicación se contaban na sua equipa con Rodrigo de Balbín. A Jorge Camino, outro estupendo investigador dos mundos castrexo e romano de Asturias, inténtaselle trasladar forzosamente desde a praza de técnico do Museo de Asturias a un posto de traballo burocrático na administración, o que tampouco coallou pola referida oposición de CCOO.

E pechamos o círculo. ¿De quén depende toda esta enorme falcatruada? ¿Quén cesa a Pepe o Ferreiro, nomea director ao arqueólogo que perde miles de pezas, abre expediente a Ángel Villa por atopar as pezas perdidas, intenta ascender ao funcionario que o traicionou, expulsa a Rodrigo Balbín de Tito Bustillo e pretende trasladar forzosamente a Jorge Camino? Nada sorprendente: a persoa que era responsable política da Campa Torres cando foi escavada e se "perderon" as pezas. ¿Quén da máis?

Eses, salvo erro ou omisión pola miña parte que estou disposto a corrixir en canto se me faga saber, son os feitos. O xuizo fágano vostedes. Para poder facelo, nada mellor que unha boa documentación. Téñena no blog da Plataforma Ángel Villa}, no que atoparán, ademais, unha enorme cantidade de adhesións de arqueólogos, técnicos e cidadáns.

Solicítolles que se sumen a elas. Porque a arqueoloxía é de todos, e a honradez tamén.

Sanantón do Castelo
Eadem mutata resurgo


2011-03-27 13:41 | 0 Comentarios


Referencias (TrackBacks)

URL de trackback de esta historia http://quotidianum.blogalia.com//trackbacks/69299

Comentarios

portada | subir