Inicio >
Historias > ¿Cando se construíu a Torre de Hércules? 3
¿Cando se construíu a Torre de Hércules? 3
2008-08-09 16:39:29+02
A achega da arqueoloxía
E sen embargo, é moi posible que a Torre fora edificada en tempos de algún destes emperadores tidos por execrables, ou ao menos iniciada por eles, como a seguir veremos. De momento, o certo é que desde Cornide e a súa proposta traianea, non coñecemos obra ningunha na que se abordara unha revisión das orixes da Torre, coma se o noso autor dixese a última e definitiva palabra.
Cornide tivo e ten unha grande, enorme, autoridade ben merecida. Pero ás veces esa autoridade ten efectos negativos, cando o coñecemento derivado dela se esclerotiza e se prescinde da crítica, sempre necesaria, constantemente necesaria, convertendo en dogma a lexítima e positiva autoridade. E os dogmas son sempre prexudiciais, aínda que só sexa porque non nos permiten mellorar e perfeccionar o establecido.
Non é fácil chegar a conclusións detalladas acerca da pregunta que nos fixemos. Os textos clásicos, por máis voltas que lles deamos, non parece que poidan dicirnos nada novo: xa foron espremidos a tope, incluso extraendo conclusións que, como as de Cornide baseándose nos argumentos de ausencia, mostran máis bo desexo que rigor. Hai que recorrer, en consecuencia, á arqueoloxía, aos testemuños dos obxectos e os restos materiais. Comezando, por suposto, pola propria Torre, a súa concepción estructural, as súas fábricas, os seus paramentos, a forma de concibir os espazos e as articulacións entre eles. Todo na Torre fala de Roma (deixando a un lado, como é evidente, o forro ou pel coa que Giannini vestiu o seu exterior a finais do XVIII), pero o seu discurso non é preciso dabondo para indicarnos o momento da súa construcción.
Aínda que…
Hai uns meses celebrouse na cidade, organizado pola Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, un coloquio de especialistas que, coordinado pola Dra. Carmen Fernández-Ochoa e baixo o título
Finis Terrae Lux, centrouse na Torre de Hércules e na súa análise desde a óptica de moi diversas disciplinas e enfoques. A cidade, agás honrosas excepcións, algunhas das cales nos acompañan como leitores e comentaristas neste espacio, nin se decatou. “
Aquella ciudad altiva / se ha echado a dormir la siesta / el día más gris de su vida”, cantaba desesperanzado un vello amigo con motivo dalgún asasinato a man legalmente armada, tal vez o de Julián Grimau. Hoxe o motivo que me leva a lembrar as súas palabras é felizmente outro, infinitamente máis liviano, pero sería terrible descubrir que a sesta é aínda a mesma, porque a eternidade é inamovible. Esperemos que sexa outra, que caiba esperanza de rompela dunha vez (“
A la conciencia se va / por las callejas desiertas / rómpase el muro de sueño”, seguía o meu amigo), e que o espertar non tarde demasiado, a ver se nos dá tempo a velo.
Deixemos os versos do meu amigo e, ben espertos, volvamos ao coloquio. Nel, o sabio profesor portugués Dr. Jorge de Alarcão expuxo a existencia dun certo paralelismo arquitectónico entre a Torre e o criptopórtico de Coimbra, a antiga
Aeminium patria de Gaio Sevio Lupo. A cachotería das paredes, a concepción das bóvedas e os arcos alintelados dos vans, máis radicais na Torre que no criptopórtico pero co mesmo esquema estructural subxacente, permitían relacionalos e incluso supoñer como hipóteses a estudar que fosen obra da mesma man. Non era a primeira vez que se expoñían estas consideracións; o novo agora era que, segundo informaba o profesor Jorge de Alarcão, os investigadores portugueses lograran establecer que o criptopórtico de Coimbra fora ergueito en época de Claudio, o que aparecía como un valioso referente á hora do estudo da Torre.
Non chegou o profesor a detallar os argumentos que situaban o criptopórtico en Claudio: estabamos ao cabo da sesión na que nos tocara presentar a Torre e as súas escavacións, que nos levaran a propoñer unha orixe da Torre anterior a Traiano, tal vez flavia ou mesmo anterior. Pero o tempo botábase enriba e houbo que pospoñer o prometedor debate para o día seguinte. Como nunca dura a alegría na casa do pobre, un contratempo imprevisto obrigou á partida repentina do profesor Alarcão rumbo a Lisboa, e ese debate non tivo lugar. Por suposto, queda pendente.
No entanto, permítaseme sinalar, sequera brevemente, aquilo no que estamos a traballar, na convicción de que imos polo bo camiño, mesmo se as conclusións non son aínda definitivas.
Entre 1992 e 1994 desenvolveuse ao pé da Torre unha escavación arqueolóxica, codirixida polo Dr. Luis Caballero Zoreda e por quen isto subscribe, na que saíron á luz, baixo os numerosos restos posteriores, as unidades estratigráficas correspondentes á ocupación romana da Torre. Entre elas detectouse a superficie que conformou o chan orixinal de ocupación unha vez construído o monumento. Sobre este chan acumulábanse, en diversas capas superpostas, os sedimentos e materiais fragmentados que se foran depositando ao longo do tempo en que a torre romana cumpriu a función de faro en época imperial. Loxicamente, os restos atopados corresponden a momentos diferentes; entre os máis recentes existen fragmentos cerámicos de tipos ben coñecidos, fabricados entre os séculos IV e V d.C., polo que podemos propoñer que a Torre seguía a ser utilizada neses momentos do Baixo Imperio e mesmo posteriores, o que é coherente co texto de Paulo Orosio, escrito a principios do século V, no que se lle chama
altissimam pharum, indicando que nesa data seguía a cumprir tal función.
¿E para as orixes do faro? Pois ben, ao igual que podemos apoiarnos nos materiais máis recentes para propoñer a data de abandono da función do faro, tamén podemos aproximarnos aos seus momentos iniciais a partir dos materiais máis antigos que se depositaron, unha vez rotos, sobre o chan preparado trala construcción do monumento. Insisto que non se trata de obxectos simplemente depositados na zona, senón que neste caso podemos ser máis precisos: a deposición dos materiais produciuse despois de que o faro estivese edificado
Dos múltiples obxectos contidos nas capas de acumulación máis profundas e máis antigas, situadas directamente sobre o chan preparado ao cabo da construcción do monumento, fixarémonos agora naqueles que, por tratárense de produccións ben coñecidas, poden darnos precisións cronolóxicas fiables; serannos de utilidade, sobre todo, as
lucernas, os vasos de
paredes finas e os fragmentos de
terra sigillata hispánica.
Os
vasos de paredes finas non son unha producción homoxénea. Trátase máis ben dunha ampla gama de vasillas con grandes diferencias entre si que, ademais do trazo xeral da delgadeza das súas paredes que dá lugar ao seu nome, están unidas pola función común a todas elas: trátase de
vasa potoria, vasos para beber. Son coñecidos vasos deste tipo desde época de Augusto, fabricados en Italia no século I a.C. e chegados probablemente como mercancía complementaria nos barcos que transportaban ánforas como carga principal. Máis tarde, en tempos de Tiberio e Calígula, aparecen productos gálicos, procedentes dos alfares que producían tamén a
terra sigillata sudgálica.
Pero o pequeno fragmento aparecido ao pé da Torre de Hércules, na capa de sedimentos que se acumula sobre o chan preparado trala obra, e en consecuencia posterior á edificación do faro, acomódase máis ben a unhas produccións, estudadas por Esperanza Martín (investigadora da Universidade de León que nos ten honrado coa súa reiterada participación activa nas escavacións do Castro de Elviña), elaboradas en alfares do contorno do campamento da
Legio VI Victrix (acantonada durante o período xulio-claudio onde hoxe está a cidade de León) entre os que salienta o de Melgar de Tera que dará nome ao grupo. Estes alfares parecen ter estado activos xa en época xulioclaudia, e distribúen as súas manufacturas por todo o noroeste durante a época flavia, tras a que entran en decadencia os vasos de paredes finas.
Se a adscrición do fragmento ás produccións de “tipo Melgar” é correcta, a súa aparición ten interese. Estaría indicando que, despois de construída a Torre (ou polo menos despois de iniciada a súa construcción), se terían roto nela vasos de beber fabricados entre o imperio de Nerón e o de Domiciano, isto é,
grosso modo, na segunda metade do século I d.C. Aínda que é certo que as cerámicas teñen, antes de quedar inutilizadas por rotura, un certo período de vida útil, a fraxilidade destes vasos de
paredes finas fai difícil supoñer que aquel iría máis alá duns poucos anos. Se a Torre fose edificada por Traiano, a posterior deposición da cerámica necesariamente tería lugar ben entrado o século II, unhas cantas décadas despois da súa fabricación. Non parece fácil; a hipótese de elección é a de que esa cerámica rompeu nun momento entre Nerón e Domiciano, un momento no que a Torre xa estaba construída.
Ao mesmo apuntan os fragmentos de
lucernas atopados nos niveis máis antigos do escavación. Unha
lucerna é simplemente un candil, unha lámpada de aceite. Nos modelos romanos típicos, o receptáculo ou depósito que contén o aceite ten planta circular, está fechado no súa parte superior por un disco que presenta un furado que serve para encher o depósito, para airealo e para mover a mecha coa axuda dunha agulla, e prolóngase nun pico do que sae a parte exterior da mecha, o extremo que se acende. Con esta estructura xeral, certos trazos permiten diferenciar grupos de lucernas que se poñen de moda e se fabrican en diferentes épocas. Nos niveis antigos da Torre apareceron uns poucos fragmentos de lucernas; en dous deles podemos recoñecer que son das chamadas “de volutas”, e máis concretamente dos tipos denominados
Dressel 11 e
14 (ou
Loeschcke IV e
V), cronoloxicamente centrados na segunda metade do século I d.C.
Os fragmentos de lucernas, poucos e pequenos pero ben significativos, volven a apuntar a momentos bastante anteriores a Traiano, entre o xulioclaudio e o flavio. Ao igual que comentamos para as paredes finas, faise difícil pensar que unha persoa que se asentase na Torre por primeira vez ben entrado o século II, levase consigo para iluminarse un fráxil obxecto de cerámica fabricado décadas antes. Podería ser, desde logo, pero habería que pensar que os primeiros habitantes da Torre estaban entre as persoas máis coidadosas do mundo. Máis doado parece supoñer que a Torre é anterior ao que se di, máis ou menos contemporánea das paredes finas de tipo Melgar e das lucernas de volutas.
Tamén as
sigillatas ofrécennos o mesmo panorama. Non todas, desde logo, pois nos sedimentos da Torre hai materiais de diversos séculos. Pero as máis antigas, das que só presentaremos agora os fragmentos de cunca do tipo coñecido como
Forma Hispánica 29, fabrícanse tamén durante o século I, e máis ben en momentos non finais do mesmo.
A chamada
terra sigillata quizais sexa a variedade cerámica que hoxe se identifica con máis facilidade coas produccións propiamente romanas. A partir de meados do século I a.C. desenvólvense en Italia, na zona de Arezzo, uns talleres cerámicos que van darlle a volta ás modas das cerámicas domésticas de calidade, ao inventar a que foi chamada "
barro saguntino", máis tarde "
cerámica samia" e hoxe "
terra sigillata" (o de
sigillata, de
sigillum = selo, polo costume frecuente de que as pezas viñesen marcadas co selo do oleiro que as fabricou, polo que, cando se atopa un fragmento selado, é de gran utilidade para coñecer a procedencia e a cronoloxía das pezas). A
terra sigillata é unha cerámica de verniz ("engobe sinterizado" máis que verniz, pero non entremos nestas precisións) vermello, espeso e brillante, moi vistoso, que veu substituír ás anteriores cerámicas negras dominantes desde a cerámica grega ben coñecida. As novas produccións fanse axiña co mercado, e onde chega Roma aparece
sigillata (máis ou menos).
Suponse que os recipientes de
sigillata (e outros, como as
lucernas ou os pratos de verniz vermello chamado "pompeiano") completaban a carga dos barcos que transportaban as ánforas de viño como mercancía principal. O caso é que a
sigillata itálica é un formidable indicador de comercio, e outro instrumento moi útil para fixar a procedencia dos materiais e a cronoloxía dos estratos que os conteñen.
O primeiro sabio que estudou, clasificou e sistematizou os fragmentos de
terra sigillata que eran coñecidos no seu tempo foi Hans Dragendorff, na súa obra publicada en 1896. Nela, Dragendorff agrupou as pezas de sigillata en tipos ou formas, ás que deu números correlativos. Así, se falamos como antes de
Drag. 29, estámonos a referir a unha peza da forma ou tipo cerámico que na táboa de Dragendorff ocupa o número 29: non ten máis misterio esta estraña xerga que empregamos os arqueólogos para aforrar palabras. Ao dicir
Drag. 29 sabemos que estamos a nos referir a unha cunca de
terra sigillata de perfil carenado, profusamente decorada no seu exterior, caracterizada tamén por ter dous pequenos resaltes ou escalonamentos na cara interior do borde.
Volvamos ao século I a.C. Xa temos as naves romanas sucando o Mediterráneo cargadas de ánforas de viño e de vasillas de
terra sigillata, dispostas a vendelas alí onde chegaren. E chegan lonxe, mesmo a Galicia, que aínda non estaba baixo o dominio de Roma. Alí onde chegan faino tamén o viño campano e as pezas de
terra sigillata, que axiña acadan un éxito e unha difusión que poderiamos cualificar, dentro dunha orde, de universal.
Os galos, que sempre foron moi cucos, ven o negocio e montan os seus propios talleres cerámicos nos que copian os modelos itálicos de moda. Así xorde e desenvólvese a chamada
terra sigillata sudgálica, con centros en La Graufesenque, Montans, Lezoux, Bannasac e outros. Os productos sudgálicos van ir facéndose sitio no mercado durante o século I d.C., chegando a desprazar aos itálicos. Ademais, moitos dos modelos que se fabrican na Galia son puras copias dos orixinais itálicos, de xeito que en xeral segue sendo válida a táboa clasificatoria de Dragendorff; entre outros para o
Drag. 29 do que estamos a falar. Xa temos agora un
Drag. 29 itálico e un
Drag. 29 sudgálico, da mesma forma xeral pero con diferencias en pastas, vernices, decoración e cronoloxía.
Pero xa entrado o século I d.C., van xurdir tamén talleres en Hispania, na Rioja, dos que os principais estarán nun gran complexo oleiro en
Tritium Magallum (actual Tricio). É posible, incluso probable, que no comezo se tratase de oleiros gálicos que se desprazan para montar os seus propios talleres nun lugar ata entón virxe. O caso é que desde meados do século I d.C. os novos productos hispánicos, sempre do novo estilo de cerámicas vermellas que domina a moda, fanse co mercado de
Hispania e chegan a monopolizalo (xunto con outros talleres que aparecen pronto tamén na
Bética, como o de Andújar). Cóntese ademais con que no entanto foise desenvolvendo o dominio de Roma en
Hispania, e con el foron aparecendo vías, acueductos, e todo o que sabe calquera que vira
A vida de Brian. Quero dicir que ao comercio marítimo hai que engadir o comercio terrestre con transporte por vía-estrada, o que fai que agora os productos acaden todo o territorio (antes estaban centrados nas costas).
Ao igual que antes os sudgálicos, agora os rioxanos (os outros tamén, pero os rioxanos nos interesan máis porque son os seus productos os que se atopan en Galicia) seguen a copiar as formas que triunfaran no mercado, e para eses casos séguese a usar a táboa de Dragendorff (entre outros, tamén para a
29 famosa). Pero hai variantes, tanto en "desviacións" da forma orixinal como sobre todo nos estilos decorativos, bastante diferentes dos gálicos e itálicos. Como ademais os talleres de Tricio e demais foron moi creativos e formularon bastantes modelos novos, a táboa de Dragendorff quedouse curta e houbo que organizar novas clasificacións. A primeira que fixo isto para a
terra sigillata hispánica, en 1961, foi Mª Ángeles Mezquíriz, unha sabia arqueóloga de Pamplona que dirixiu moito tempo o Museo de Navarra desa cidade. Hai que dicir que o fixo de marabilla. Non só no que fai á clasificación, senón que, ao basearse en pezas procedentes de escavacións ben levadas -como as propias súas de
Pompaelo-, puido datar moitas formas por apareceren estas en estratos ben datados previamente por outros materiais entón mellor coñecidos.
Mezquíriz, para a forma
Dragendorff 29 fabricada en
Hispania (ou desde o seu traballo
Hispánica 29) estableceu, a partir da súa presencia en contextos ben definidos da escavación ao lado da Catedral de Pamplona, que a súa cronoloxía ía desde o ano 50 d.C. (é unha das primeiras formas que se fabrican en Tricio) ata o 70 d.C., abarcando os imperios de Claudio e Nerón. Desde o 70 d.C. vai ser substituída por unha cunca semellante pero sen a carena ou ángulo, de perfil curvo máis ou menos hemisférico, tamén profusamente decorada, para a que Mezquíriz conservará o número
37 que xa recibira na clasificación de Dragendorff. Por simplificar (en realidade a cousa non é tan sinxela, porque hai que ter en conta o tempo de uso da cerámica, que pode ser en ocasións moi longo), se nun estrato aparecen fragmentos de
Drag. 29 estamos en tempos de Claudio ou Nerón, e se non aparece
29 pero hai
Drag. 37 estamos en tempos de Vespasiano ou posteriores.
Aínda que a clasificación de Mezquíriz segue a utilizarse hoxe, e aínda que moitos autores aceptan as propostas cronolóxicas da autora, hai tamén outros que propoñen a ampliación do período de fabricación da
forma hispánica 29. Tomás Garabito argumenta ben que os comezos deben retrotraerse ata o 40 d.C., e Mª Victoria Romero Carnicero argumentou, e non mal, que o final absoluto non debe darse ata o ano 80 d.C., xa en plena época flavia. O asunto non está fechado, o que nos pon nun certo brete aos non estrictamente especialistas neste tipo de cerámicas, sobre todo cando nos vemos obrigados a basearnos nelas para descubrir e establecer as cronoloxías que necesitamos, como é o caso. Sen embargo, non saímos completamente mal parados: hai acordo xeral en que o período central de fabricación da
29 hispánica discorre entre o 50 e o 70 d.C., e pode considerarse, cando menos como posible, un tramo inicial de desenvolvemento entre o 40 e o 50, e outro tramo final, de progresiva desaparición e substitución pola forma hispánica 37, entre o 70 e o 80 d.C., en tempos de Vespasiano.
Para o que buscamos, facendo de necesidade virtude, chéganos: en calquera caso estamos en momentos considerablemente anteriores ao imperio de Traiano que era o noso punto de partida. E estamos tamén dentro da segunda metade do século I, o que coincide co que viramos para as
paredes finas e as
lucernas. Esta triple coincidencia reforza a conclusión que expuxeramos: todo indica que a Torre foi construída durante a segunda metade do século I, antes do 80 d.C., e polo tanto entre os emperadores Claudio e Vespasiano; entre un Claudio que vai persoalmente coas súas lexións a conquistar
Britannia levando a un mozo Vespasiano como un dos seus principais xerais, e ese mesmo Vespasiano que, convertido en emperador polo exército trala caída da dinastía xulioclaudia, consolida e afianza a conquista da illa. Desa illa final dunha ruta marítima na que, diranos Orosio máis de trescentos anos despois, a cidade galaica de
Brigantia ergueu un faro altísimo que está entre as poucas obras merecentes de seren lembradas.
Ata aquí chegamos
Non ocultarei, entre os posibles protagonistas que consideramos, a miña predilección por Claudio, ese emperador ao que a historia e mesmo a súa nai trataron de imbécil e dexenerado, aínda que só sexa por
chinchar aos que se atreven a xulgar e condenar a outras persoas desde o chato prisma da súa escuálida moral. Ese Claudio que, aínda que non tivese outros méritos, e ben que os ten, sería merecente do noso afecto só por ter inspirado a deliciosa obra de Robert Graves. Un Claudio que ben puido pensar e ordenar a construcción da Torre de Hércules, aínda que non saibamos se foi capaz de construíla no seu mandato, ou se houbo que esperar a Nerón ou Vespasiano para acadar a súa conclusión.
Pero non é máis que unha querencia persoal. Tanto con CLaudio como con Vespasiano, e mesmo con Nerón, cúmprense as condicións que fomos poñendo, incluso a posibilidade de que teñamos aquí ao arquitecto do criptopórtico de Coimbra, pois Claudio e Vespasiano só están separados por quince anos, polo que ambolosdous collen sen problema na vida activa dun mesmo profesional. Dun magnífico profesional sen dúbida.
A escavación da Torre non está concluída, polo que o dito non pode ser definitivo e sempre pode haber sorpresas. Algún día, espero, finalizarase, e non lles oculto que me gustaría facelo a min. Despois de todo o tocho que lles larguei, xa sería unha boa xogada do destino que nela aparecer a inscrición fundacional da Torre co nome do emperador que a construíu, e que este nome for o de Traiano. Se así acontecer, disimulen. Conto coa súa benevolencia, pois é sabido que o nome do culpable só se coñece no último capítulo e aínda non chegamos a el. E non teño máis, polo que roubo palabras a Goytisolo:
perdóame, non sei dicirche
nada máis, pero comprende
que eu aínda estou no camiño
No camiño.
On the road, que diría Jean-Louis Lebris de Kérouac, o Jack Kerouac da
Beat Generation.
E rematei.
Agora é o seu turno: tócalles a vostedes elixir poeta… e emperador.
------------------------
José Mª Bello Diéguez
A Cruña, 8 de agosto de 2008
Estas consideracións non serían posibeis sen a axuda das persoas
coas que teño a sorte de traballar arreo e a cotío:
Begoña González Afuera, Axudante de Dirección das excavacións no Castro de Elviña,
María Rodríguez Rodríguez e
Lucía Costa Suárez-Torga, bolseiras do Museo Arqueolóxico e Histórico da Coruña.
2008-08-09 16:39 | 7 Comentarios
Referencias (TrackBacks)
URL de trackback de esta historia http://quotidianum.blogalia.com//trackbacks/58890
Comentarios
1
|
De: Teresa |
Fecha: 2008-08-11 10:23 |
|
Sin saber mucho, también me simpatizan más Claudio y Vespasiano. Y Keruac, of course ;-))
|
2
|
De: giannini |
Fecha: 2008-08-12 00:45 |
|
Eu tamén espero que esa escavación poida rematarse, sexa o edificio patrimonio da humanidade ou non.
E se parte ou a totalidade da inscrición buscada se atopase baixo a herba que hai na parte de exterior aos muros da plataforma? Soñar non custa nada :-)
|
3
|
De: lapatianco |
Fecha: 2008-08-13 15:37 |
|
Graciña, pater, por este "tocho", realmente esclarecedor.
En canto ó da pedra, ara, ou similar co nome do emperador-"promotor" (por darlle un nome máis actual) da Torre; mentras non apareza, voto por irmos facendo unha suscripción "popular" para que se inscriban nunha moderna ara de pedra os nomes dos que fixeron "revivir" este momumento nestes últimos tempos. Logo cumpriría enterrala axeitadamente, para que a atopen os arqueólogos do ano 4000.
Saudos.
|
4
|
De: Anónimo |
Fecha: 2008-08-13 15:43 |
|
¡Lapatianco, non propoña esas cousas tan perigosas! Moita pedra ía ter que gastarse para meter nela tanto nome... ata bofetadas habería por entrar ¡e xúrolle que a ningún dos que estarían na lista se lle viu pola Torre máis que para sair na foto! ;-)
Agarde mellor uns cinco aniños ou así, a que se pase a frebe do Patrimonio da Humanidade. Para min que para entón haberá máis sitio, menos xente na cola, e gastaríase menos pedra, que é do que se trata, que vai cara.
|
5
|
De: lapatianco |
Fecha: 2008-08-13 16:46 |
|
Quizáis me expresei mal. Por suposto que habería que esperar uns aniños. Quizaís daquela xa non lles interese a moitos, e quizais eses mesmos digan que "qué bonita quedaría la Torre con unos cuantos edificios alrededor, y todavía más cerca como haciéndole una reverencia, y, eso si, llenándolos de gente hipotecada para financiarlos" (pero non lles deamos ideas). En todo caso estaríanche os que teñen que estar nesa metafórica pedra. E por suposto habería que deixarlle un oco para a lei do 1% de obra pública. Que se non ¿de que estariamos a falar hoxe? ¿non si?.
Por outra banda. ¿Sabe se van ser publicadas as intervencións das xornadas "Finis Terrae Lux", ás que por motivos de traballo non puiden asistir?. Quedou moi bonita a foto dos xornais na que sae co meu profesor da Uned, o sr. Vigo. Polo que me pareceu nas clases que recibín del, élle un pouco da súa "corda", ¿non é?.
Novamente, saudos.
|
6
|
|
Benquerido Santo:
Veño de coñecer o teu "sorprendente" blog. Parabéns. Como poderás ver no meu (INICIARTE), que ten un carácter divulgador para o alumnado de bacharelato, acabode facer unha referencia a Qutidianum.
Saúdos lembrando xornadas compartidas.
Toño
|
7
|
De: Anónimo |
Fecha: 2008-09-20 21:10 |
|
¡Don Toño! Benvido sexa vostede, que xa sabe que está na súa casa.
Non sei qué tal irá esa referencia para adolescentes, ás veces hai algún asunto subido de tono... pero ¡qué carafio! que espabilen ;-)
E xa sabe que, coma sempre, ó servicio de vostede.
(Para os inevitabeis mal pensados que pensan que estou a facerlle a pelota a un superior: ¡é un amigo, coño!)
Vou de visita a Inicarte, que tampouco sabía dela. Apertas.
|
portada | subir