Inicio >
Historias > De Atenas a Astorga: a longa viaxe dunhas pezas “raras” do Castro de Elviña, con probable final en Lugo (IV)
De Atenas a Astorga: a longa viaxe dunhas pezas “raras” do Castro de Elviña, con probable final en Lugo (IV)
2011-06-30 01:12:48+02
Distribución de pés troncocónicos grises (puntos vermellos en CAP) na escavación de 2009
A situación non podía ser máis contradictoria. Coñecedor das miñas limitacións, o primeiro que pensei é que todo estaba mal, que a confusión se debía a unha escavación mal dirixida. Pero os feitos aguantaban todas as probas e todos os contrastes. Máis aínda, lonxe de aclarar por qué aparecían aí, en contextos tardíos, cerámicas de momentos romanos ben temperáns, as sucesivas análises concretaban máis a súa cronoloxía: os presuntos "
kilikes" estaban enmarcados, por abaixo (
terminus post quem), por unidades estratigráficas que contiñan, por exemplo, unha panza de
terra sigillata hispánica tardía con decoración do chamado
Primeiro Estilo, ben encadrable a finais do século IV d.C.; por arriba (
terminus ante quem), por un magnífico exemplar, fragmentado in situ, de cunca de
terra sigillada africana D, fabricado en Túnez, da forma á que
Hayes deu o número
99a, propia de finais do século V d.C. se non de comezos do VI. Os nosos pés "raros" quedaban así ben situados no século V, pero non antes de Cristo coma os
kilikes áticos, se non despois de Cristo: unha diferencia de mil anos.
Unha vez fixada a cronoloxía das pezas no século V d.C., do que se trataba era de comprender. Non coñeciamos nada similar en Galicia, e o século V nos resultaba de certo alleo. Tampouco os colegas consultados nos souperon indicar ónde comezar.
Ata que, mentras estudabamos (sempre, sempre hai que estudar, estudar sen parar, continuamente) o impresionante "amansaburros" de título
Cerámicas hispanorromanas. Un estado de la cuestión, de certo imprescindible, publicado en 2009 pola Universidade de Cádiz baixo dirección do infatigable
Darío Bernal Casasola e
A. Ribera i Lacomba, unha imaxe golpeounos os ollos: nela había tanto pés troncocónicos realzados semellantes aos nosos, coma formas carenadas que lembraban á de Luengo. Estaba no artigo de
Juan Ángel Paz Peralta adicado a "Las producciones de
terra sigillata hispánica intermedia y tardía":
(Continuará...)
2011-06-30 01:12 | 0 Comentarios
Referencias (TrackBacks)
URL de trackback de esta historia http://quotidianum.blogalia.com//trackbacks/70005
Comentarios
portada | subir