Inicio >
Historias > Retomando as capciosas preguntas de Ángeles Afuera
Retomando as capciosas preguntas de Ángeles Afuera
2011-07-14 15:23:28+02
Roubo un momento de descanso na xornada para voltar ás capciosas preguntas que
Ángeles Afuera plantexaba o 17 de abril ao entón futurible, hoxe realidade plena, Alcalde da Coruña.
Xa vimos as falsedades que encerraba a primeira, na que afirmaba que os traballos de
Elviña estaban paralizados. Vimos que en Elviña se traballa arreo e a cotío, e que se algo está paralizado é a escavación, pola única razón de que a arqueóloga interina contratada con cargo a proxecto,
Begoña González Afuera, permanece nunha actitude de aberta e continua desobediencia cando menos dende primeiros do ano en curso. Vaiamos agora á segunda pregunta:
---------------------------
---------------------------
Pregunta Ángeles Afuera: "
¿Por qué continúa en su puesto el Director del Castro, pese a haber sido denunciado y sancionado por abuso de autoridad?"
O primeiro que hai que dicir é que ese presunto posto de "
Director del Castro" non existe. O único posto que existe é o de
Director do Museo Arqueolóxico e Histórico do Castelo de San Antón. É un posto de traballo, contido na RPT municipal, que forma parte da carreira profesional dos funcionarios de Administración Especial na categoría de Arqueólogo. É, xa que logo, un posto de carreira.
Non é un posto de libre designación. Ese posto adquírese por Concurso Público entre os fucionarios do que se chamaba Grupo A, é dicir, os funcioinarios de carreira de corpos reservados ás persoas con titulación superior que previamente conseguiron a súa praza mediante concurso-oposición público.
Supoño que o que quería preguntar Ángeles Afuera é por qué sigue no seu posto de traballo o Director do Museo, é dicir, eu.
A resposta non pode ser máis sinxela: o director do Museo sigue no seu posto de traballo porque nin se xubilou nin morreu. Penso que é ben fácil de entender.
Apostilla Ángeles Afuera un curioso "
pese a haber sido denunciado y sancionado por abuso de autoridad". A resposta tamén é fácil: porque unha cousa son as churras e outras as merinas, mesmo se houbo quen, de forma espuria e ilexítima, tentou de mixturalas creando un rebaño impresentable.
Como da a impresión de que Ángeles Afuera está un pouco perdida neste mundo de dereitos fundamentais recollidos na Constitución, imos tentar de explicarlle un pouco a cousa.
No mundo dos funcionarios existe un procedemento disciplinario regulado por Lei. É un procedemento arcaico, herdeiro directo do franquismo como tantas outras cousas na Administración e na Xustiza, un campo que pouco tocou a transición e no que hai moitas cousas pendentes, como ben se ve estes días no debate acerca dos procedementos de instrucción e demáis.
Pero ao marxe do anterior, existe un procedemento. Malo, inquisitorial, atentatorio á defensa do funcionario, pero existe e da, cando menos, unhas mínimas garantías.
Na lexislación que regula ese procedemento, á Administración concédeselle o poder de aplicar sancións. Estas sancións teñen que ser obrigatoriamente proporcionais (o de
proporcionalidade é un dos principios fundamentais insoslaiables) ás faltas cometidas.
No caso concreto, como ben di Ángeles Afuera, a Administración entendeu que cometín no seu día unha falta grave de abuso de autoridade, polo feito de defender a integridade do Castro de Elviña con gritos cando as verbas en tono normal resultaron insuficientes. Ben, eu non estou de acordo, pero acato a resolución porque é axustada a Dereito tal como estimou a Maxistrada do Contencioso-Administrativo.
As faltas graves, como a que nos ocupa (hai tamén faltas leves e faltas moi graves) poden ser sancionadas, nun asombrosamente amplísimo abano, con suspensión de funcións entre un día e tres anos.
Para que entenda o que vou dicir preséntolle un gráfico que é máis explicativo. Van catro barras.
A barra superior, completamente en vermello, representa a sanción máxima que a Administración pode impoñer por unha falta grave: tres anos (redondeei a mil días para facelo máis sinxelo). Correspondería a falta grave de maior entidade (a saber cal é, iso queda á
discrecionalidade da Administración). Non a unha falta moi grave, ollo, que esas comezarían a partires de aí ata a separación definitiva do servizo.
A segunda barra representa unha sanción na metade, ano e medio, 500 días. Correspondería lóxicamente a unha falta de gravedade media.
¿E a terceira barra? A terceira barra representa a sanción que me foi imposta. Moi lonxe da sanción media, e infinitamente lonxe da sanción máxima. Vendo a gráfica, diríase que é unha sanción ridícula. Aplicando o insoslaiable principio de proporcionalidade, resulta de caixón que unha sanción ridícula corresponde a unha falta ridícula. Unha sancioncita que, máis que a unha falta grave
sensu stricto, corresponde ao que poderíamos chamar unha
faltita gravita. Unha sancioncita que, por certo, luzco con orgullo, como unha ferida de guerra sufrida na defensa do Patrimonio Histórico común fronte á agresión irreparable que estaban a producirlle persoas que cobraban de fondos públicos para a defensa e investigación do Ben de Interese Cultural que estaban a agredir.
E, xa que de ridículos falamos, o que resulta ridículo é pretender que a alguén se lle separe do seu posto de traballo (que non cargo de libre designación) por unha falta ridícula sancionada cunha sanción ridícula. ¿Non lle parece ridículo, dona?
E quédanos a última barra. Representa unha sanción de seis meses de suspensión de funcións. É o límite a partir do que o funcionario sancionado pode perder o seu posto concreto de traballo. É dicir, se en vez de impoñerme unha sanción ridícula por unha falta ridícula a Administración estimase poñerme unha sanción media por unha falta media, sí que podería, se quixera (é dicir, que podería pero non estaría obligada a facelo), removerme de posto de traballo e, á volta do cumprimento da sanción, adxudicarme un posto de traballo diferente.
Pero ese tipo de cousas hai que pensalas. Non crea que todo o mundo, e moito menos a Administración, son tan cabezones como a Cadena SER, que lle regalou á COPE o mellor equipo de comentaristas deportivos (que o son, mesmo que a vostede non lle caian ben) por non saber xestionar un conflicto disciplinario.
Pero ao que íamos: mesmo se a Administración Municipal quixera removerme do meu posto, non podería facelo a non ser que a sanción imposta fose de máis de seis meses. Como non foi así, se non que se tratou dunha sanción ridícula como corresponde a unha falta ridícula (catro días fronte aos 180 necesarios para tal cousa), a ninguén que teña un concepto cabal da xustiza, do dereito, da democracia e do estado de dereito, se lle pode pasar pola cabeza a ridícula posibilidade desa remoción que vostede reclama. Para elo, en termos matemáticos, sería necesario que a sanción, e polo tanto a falta, fose 45 veces máis gorda do que a Administración estimou que foi. Unha estimación da que eu, como dixen, discrepo, e dende esa discrepacia estimo que o meu comportamente foi simplemente heroico, poñendo incluso a miña carreira profesional en perigo ante a éticamente ineludible responsabilidade de protexer a integridade do Castro de Elviña, que é a tarea que me foi encomendada pola cidadanía coruñesa, galega e española, e que eu asumín e asumo con plena conciencia dos riscos que iso conleva. A arqueoloxía é hoxe por hoxe unha actividade de alto risco cando se exerce con coherencia. Entre outras cousas, polas actitudes irresponsables como a súa, dona Ángeles Afuera.
Números cantan. E se non lle cantan os números, cantan gráficos.
E que sexa con saúde e pés quentes.
2011-07-14 15:23 | 3 Comentarios
Referencias (TrackBacks)
URL de trackback de esta historia http://quotidianum.blogalia.com//trackbacks/70094
Comentarios
1
|
De: Brigantinus |
Fecha: 2011-07-15 15:31 |
|
Que lembranzas me trae de cando estaba preparando as oposicións... nuns días, pola terra outra vez, a facer a visita anual ao castro. E a ver se a planta baixa do Castelo xa é visitable.
Un saúdo, Pater.
|
2
|
De: J. |
Fecha: 2011-07-15 15:53 |
|
Demoledor.
|
3
|
De: Elpater, ou Sanantón do Castelo, ou... |
Fecha: 2011-07-15 21:06 |
|
Moitas gracias aos dous. Brigantinus, eu andarei polo castelo, e se nese momento non estou pregunte por Ana, que lle saberá dar razón de min. Non deixe de pasar, faga o favor, e subiremos ao castro, que ando coas chaves na faltriqueira.
|
portada | subir